PREMISAS DO TRABALLO
            
 Promover o emprego feminino
Trátase de fomentar o emprego feminino como medida de acción positiva fronte a unha cultura e sociedade que prima o emprego masculino, considerando as mulleres como principal motor do tecido comunitario e
doméstico así como do coidado e sustentabilidade dos seus fillos.
O diagnóstico comunitario e individualizado por unidades de convivencia e os traballos de empoderamento realizados coa poboación dos asentamentos chabolistas reflicten o rol básico e fundamental que asumen as mulleres nos procesos de cambio, apostando por un futuro mellor para os seus fillos.
Polo tanto se plantexa a creación desta alternativa de autoemprego para as mulleres con motivación polo cambio e pola mellora das súas condicións de vida, fomentando as actitudes pro-activas de inserción social fronte ás actitudes pasivas de continuidade da dependencia e da exclusión.

Promóvese a motivación polo cambio e a mellora social das mulleres, priorizando a aquelas que teñan unha situación de maior vulnerabilidade e avaliando do mesmo xeito as que xa dispoñan de certas capacidades e
experiencia de traballo como as que se dispoñan a aprendelas, amosando un afán de superación e de crecemento persoal.

Promover o ciclo completo, dende a recollida ata a reutilización, nun proceso local e de baixo custe.
Trátase de promover un proceso local e de baixo custe fronte a intervencións custosas e de maior impacto na contaminación medioambiental.
 No desenvolvemento do procesado do aceite diferéncianse varias etapas que nos permitirá ir asumindo pouco a pouco a intervención ata abarcar o proceso total e pechar o ciclo de xestión do aceite nun proceso local.

1. Recollida selectiva do aceite: combinando os sistemas de puntos de recollida fixos: colectores de 240L distribuídos en lugares estratéxicos de doado acceso e tránsito fluído; recollida porta domiciliar, recollida en restaurantes, bares e grandes produtores.

2. Almacenamento do aceite á espera do seu tratamento:
Actualmente o aceite recollido almacénase nun depósito homologado propio (tank de 1000 l. metálico con indicador de nivel) situado nun Punto Limpo Municipal. Posteriormente, estudarase a posibilidade de procurar un local de almacenamento de maior capacidade e de uso propio.

3- Tratamento do aceite para o seu uso posterior:
Neste período inicial a xestión e transformación é a cargo dun xestor autorizado, Empresa de Reciclaxe de Fluídos e Sólidos (Reciflu), ubicada en Narón.

O obxectivo a longo prazo da empresa será converterse en xestor autorizado cuxo obxectivo final sexa a utilización directa do biocombustible tras un proceso mínimo de transformación para permitir a súa utilización a nivel local, evitando así un consumo innecesario de enerxía e crear un modelo empresarial viable e eficiente.
Conseguir pechar o ciclo do aceite a nivel local por parte dun colectivo de mulleres en exclusión social traballando conxuntamente coa cidadanía e xestionando a súa transformación para utilizar o biocombustible
nas instalacións de calefacción ou piscinas da Universidade de A Coruña ou dos equipamentos do Concello, aportaría un alto valor engadido á proposta de emprego destacando o traballo en rede e a responsabilidade social das nosas institucións ademais de aportar unha proposta eficiente na reutilización do residuo fronte ao custe económico e medioambiental do seu transporte e transformación fóra de Galicia.
Así, a partir dunha actividade de baixo custe se xeraría emprego para man de obra desempregada local, se evitaría o consumo enerxético do transporte da materia e ésta tería unha transformación mínima para un uso a nivel local

Promover a inserción sociolaboral
Trátase de empregar o excedente de man de obra da poboación en exclusión fronte a alternativas tecnolóxicas e custosas que substitúan o traballo humano. E, deste xeito, mellorar as relacións sociais que favorezan a inclusión social destas mulleres traballadoras.
Esta iniciativa pretende amosar o interese de persoas excluídas socialmente de reintegrarse na sociedade e de participar activamente nela.
A experiencia compartida coas mulleres dos asentamentos de Pasaxe e Rañas amosa que as medidas económicas de inserción social (como a RISGA) lonxe de acadar o seu obxectivo de promover un itinerario de inserción se converten en ferramentas que apuntalan e perpetúan a dependencia. Detéctase unha carencia de ferramentas e de recursos humanos precisos para implementar, acompañar e dar seguimento ao itinerario de inserción complementario á tramitación da prestación social.

Esta proposta preséntase coma unha ferramenta real de inserción social que nace do traballo cercano e directo coas mulleres dos poboados chabolistas, do coñecemento das súas aspiracións e capacidades e da súa implicación e motivación en levar adiante un proxecto real de inserción.

Comentarios

Publicacións populares