Entidade Promotora- Arquitectos Sen Fronteiras

V. Contexto da intervención
Entre os anos 50 e 60 tivo lugar en España un proceso de sedentarización por parte da poboación xitana, que obecedeu ás transformacións producidas na estrutura social e económica da sociedade. Esta sedentarización deuse nomeadamente nas zonas urbanas na busca de alternativas económicas e laborais.
Os asentamentos supuxeron a posta en marcha de algúns mecanismos, escasos,  de cara á integración social, como puido ser a escolarización, pero tamén un debilitamento  do colectivo e da súa cultura, isto provocou un desaxuste que aínda hoxe está sen resolver en moitos casos.
Nos anos 60, no caso de A Coruña, comezaron a implantarse algunhas medidas municipais  de realoxo en zonas periféricas que deron nacemento a asentamentos de infravivendas que aínda perduran hoxe, como é o caso do barrio do Campanario en O Portiño;  outras familias quedaron ao marxe deste planes e seguiron nos asentamentos de chabolas. Posteriormente, nos anos 80, co motivo da construción dunha grande superficie comercial,  desmantelouse o asentamento de chabolas que existía na zona de A Cubela, orixinando a creación de 3 novos asentamentos precarios: Penamoa, As Rañas e A Pasaxe.

As Rañas, froito dunha iniciativa particular da familia xitana Gabarri- Borja e mostra do seu desexo de normalización coa compra duns terreos no núcleo de Martinete-As Rañas no ano 1986.
O poboado está formado por 84 persoas distribuídas en 22 núcleos familiares, todas elas son descendentes da matriarca, María Borja Gabarri. Nas Rañas a integración social é forte e, aínda que o nivel educativo das familias é baixo, cunha porcentaxe significativa de adultos sen alfabetizar, todos os nenos desta comunidade están escolarizados no colexio Manuel Murguía. As actividades laborais dos poboadores son principalmente a venda ambulante e a compravenda de chatarra.

A Pasaxe, onde se aloxaron xitanos convivindo con mercheros e portugueses, procedentes da rexión de Tras os Montes, nas naves abandonadas da “Conserveira Celta” e de “Jabones la Toja”. Este asentamento perdura dende os anos 80 ata día de hoxe,  apartado da sociedade e envolto nun alto grao de vulnerabilidade e exclusión social.
A parcela caracterízase pola existencia de naves industriais en actividade (conxelación e reparación de automóbiles) e as ruínas das antigas construcións onde se aloxaba a poboación de etnia xitana de orixe galego e a de orixe portugués. Na actualidade se sitúan a maioría das familias orixe galego na franxa costeira ao borde da ría e as familias portuguesas nos terreos que se extenden entre a ría e a vía de ferrocarril ao oeste aloxados en chabolas organizadas en ringleiras paralelas á antiga nave de Jabones La Toja, afectada por perigo de derrumbe.

Según os datos extraídos no actual proceso de realización do censo por parte de ASF-Galicia, viven de forma permanente no asentamento da Ponte Pasaxe un total variable (según as obrigas das súas ocupacións informais) entre 45 e 50 unidades de convivencia, 13 de elas son de etnia xitana de orixe galego e o resto de orixe portugués, cunha poboación total que ronda as 150-200 persoas con máis de 50 nenos (menores de 13 anos). 
As condicións de habitabilidade están moi por debaixo dos standares mínimos reconocidos polo Comité Hábitat de Nacións Unidas provocando graves problemas de salubridade e de saúde que están afectando a cotío á poboación e ás condicións medioambientais da contorna o que supón unha situación de emerxencia humanitaria.
As actividades laborais ás que se dedica a poboación son de carácter informal ligadas ao marisqueo, á chatarra e a venda ambulante. É minoritario o número de persoas que dispón de carné de mariscador (menos de 10 persoas).
Aínda que todos os nenos e nenas estean escolarizados, resulta alarmante a elevada porcentaxe de absentismo e abandono escolar así como analfabetismo en adultos.

Comentarios

Publicacións populares