viernes, 21 de septiembre de 2018

AMPLIAMOS OS PUNTOS DE RECOLLIDA



Boas a todas!




Queremos compartir con todas e todos vos esta boa nova! Ampliamos a recollida de aceite vexetal usado a 23 contedores novos por toda a cidade de A Coruña, é dicir, contamos xa cun total de 65!! 
A localización de estes puntos novos foi posíbel grazas as demandas veciñais que se achegaron a través dos orzamentos participativos. Non podemos estar máis contentas e agradecidas a toda a cidadanía pola súa resposta dende que no ano 2016 comezamos este labor tan fundamental para o coidado do medio ambiente. Os números abalan esta maior concienciación da cidadanía na reciclaxe deste residuo tan contaminante, xa que en 2017 recollemos un total de 43.994 kg de aceite nos contedores públicos instalados, e nos primeiros oito meses deste ano 2018 xa superamos esa cifra, chegando aos 45.161,05 kg. 
Dende Mulleres Colleiteiras creemos que o incremento destas cantidades vai ser gratamente exponencial coas novas posibilidades e facilidades que se lles abre aos cidadáns de A Coruña coa incorporación destes 23 novos contedores. E como non pode ser de outra maneira, todas as traballadoras desta cooperativa énchenos de ilusión e motivación poder atender cada vez máis á demanda de este servizo.
Por último, queremos indicarvos que no apartado de ‘Recollida de Aceite’ deste blogue temos un mapa con todos os puntos actualizados onde se atopan localizados os contedores.

Moitas grazas aos que facedes posible estas boas accións e recordade...a reciclar !

martes, 8 de mayo de 2018

Somos noticia!

Bo día, tarde e noite a todas!
foto de Ángel Manso para La Voz de Galicia
Nos últimos meses a nosa cooperativa está a ser motivo de interese para diferentes medios de comunicación. Isto é un motivo de orgullo para nós e o noso traballo, posto que todas estas canles de difusión acercánnos a todas e todos vós. Cremos na necesidade da implicación cidadá para conseguir chegar a unha reciclaxe do aceite vexetal usado que respecte as necesidades do medio ambiente, de maneira que sexa económica e socialmente sostible.

É a través do coñecemento da historia da cooperativa de Mulleres Colleiteiras, e das mulleres que particularmente a formamos día a día, que nos gustaría chegar ás vosas casas. A nosa profesión é unha suma de pequenos esforzos, e grazas ás novas que vos contamos a continuación tentaremos contárvolas polo miúdo.

Quizais a través da entrevista que lle fixeron á nosa compa Susana Liaño na Cadena Ser poderedes coñecer un pouquiño máis. Ou pode que queirades acompañarnos na nosa ruta no programa Galicia Viva (consultade o minuto 38!). E se o preferides, tamén podedes achegarvos ás novas que nos adican en adiante.gal e na Voz de Galicia para afonda na vida diaria das socias. Todo este traballo vese reflexado tamén na nosa nominación no concurso Héroes Verdes, na que podedes votar a nosa proposta.

Para rematar, queremos darvos as grazas. Grazas porque todo este esforzo está comezando a dar os seus froitos. É así que neste último ano temos cuadriplicado a cantidade de aceite que estamos a recoller nos puntos habilitados. E isto, sen dúbida, é o mellor premio que se nos pode dar.

jueves, 8 de marzo de 2018

Celebramos o noso aniversario sumándonos á folga 8M





Boas a todas!

Hoxe, 8 de marzo, na Cooperativa Mulleres Colleiteiras estamos de celebración. Por un lado cumplimos cinco anos da nosa fundación. Son xa moitas as persoas que nos coñecedes e apoiades o noso traballo dende 2013. Para este 2018 esperamos seguir chegando ás vosas casas para contaxiarvos a necesidade de coidar o noso medio ambiente. Para iso traballamos día a día recollendo o voso aceite doméstico usado e dedicamos parte das nosas forzas á difusión desta tarefa fundamental.

Ademais, como cooperativa que persegue unha repercusión social, tamén apoiamos a folga do día de hoxe. É por iso que hoxe:

Non traballamos
Non estudamos
Non consumimos
Non coidamos

Paramos porque se as mulleres paran, párase o mundo.
Paramos para darlle voz a unha inxustiza.
Paramos para darlle visibilidade a unha opresión.
Paramos para darlle luz ao medo.
Paramos para compartir, soñar, loitar e acadar un lugar máis xusto para todas as nenas e mulleres. Un lugar mellor para todas as persoas.

Como os nosos compañeiros nesta loita, animamos tamén a tódolos homes a sumarse co seu apoio.

Vémonos nas rúas!