Entidade Promotora- Arquitectos Sen Fronteiras
Arquitectos Sin Fronteras é unha Organización
Non Gubernamental de Desenvolvemento constituída no ano 1992 e declarada de
utilidade pública en 1999 e unha entidade de iniciativa social inscrita no
Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais o 9 de maio de 2011.
ASF-Galicia ten o seu domicilio
social en Galicia, na Escola Técnica Superior de Arquitectura, Campus A
Zapateira s/n, 15071 A Coruña e non se atopa nalgunha das situacións
establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de
subvencións de Galicia. ASF actúa con
independencia de criterios políticos, relixiosos e económicos e está integrada
por persoas que cren na defensa dos dereitos humanos para lograr un mundo máis
xusto.
A estrutura organizativa de
Arquitectos Sen Fronteiras ten un carácter descentralizado, con varias
demarcacións territoriais de ámbito autonómico que comparten un mesmo plan
estratéxico pero que estatutariamente dispoñen de autonomía a nivel de xestión
e operacional, así como dunha organización interna autorregulada por textos
propios (Asemblea xeral, Xunta Directiva, grupos de traballo) e recursos
propios (voluntarios/as, equipo contratado, etc.).
Os grupos de traballo dos/as
voluntarios/as son a ferramenta que ten a demarcación para levar a cabo as
actividades que se contemplan nos diferentes proxectos, os cales son aprobados,
revisados e avaliados pola Xunta Directiva da demarcación. Por outro lado, o
equipo contratado vela pola xestión e coordinación de proxectos e apoia o
traballo dos/as voluntarios/as. A estrutura interna da Demarcación de Galicia
de ASF está baseada na democracia participativa e na transversalidade.
A Demarcación de Galicia de ASF
conta actualmente cunha media de arredor de 20 voluntarios en activo e con 78
socios organizados en diferentes estruturas orgánicas de toma de decisións. O
órgano directivo da Demarcación é a Xunta Directiva, escollida pola Asemblea
xeral de socios da Demarcación.
No ano 2010 ASF-Galicia elabora
un marco estratéxico de acción social (Cooperación Local), facendo unha aposta
por ampliar a súa área de traballo no ámbito local co obxectivo de fomentar a
inclusión social dos colectivos vulnerables en Galicia traballando a favor da
satisfacción axeitada das súas necesidades fundamentais, a partir do
cumprimento das condicións básicas de habitabilidade e da erradicación de
pautas racistas e discriminatorias.
O grupo de cooperación local
concretiza este traballo en intervencións contra as diferentes formas de
exclusión social e marxinación que se derivan da carencia dun hábitat digno en
Galicia. Estas intervencións forman parte do ámbito de actuación do sistema de
dereitos sociais vixente en Galicia ao ter coma obxectivo: “prevenir e superar
as causas que orixinen as necesidades sociais, dando a debida prioridade ás
accións preventivas e ao enfoque comunitario das intervencións sociais” (Lei
13/2008 aprobada polo Parlamento de Galicia).
As intervencións de acción
social articúlanse arredor dos seguintes obxectivos específicos:
-Diminuír a situación de
exclusión e marxinación social nos asentamentos precarios mediante a
sensibilización da cidadanía, a incidencia política cos poderes públicos e a
mobilización social.
-Mellorar as condicións de
habitabilidade da poboación obxectivo, traballando no diagnóstico de realidades
complexas e o asesoramento técnico en materia urbanística, arquitectónica e
construtiva, en colaboración con todos os actores sociais implicados.
-Fomentar a inclusión da
poboación obxectivo a través da cohesión e o empoderamento social, a educación,
a formación e o emprego.
Comentarios
Publicar un comentario
Nos gusta saber qué piensas tú ¿te animas?