Entidade Promotora- Arquitectos Sen Fronteiras

Arquitectos Sin Fronteras é  unha Organización Non Gubernamental de Desenvolvemento constituída no ano 1992 e declarada de utilidade pública en 1999 e unha entidade de iniciativa social inscrita no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais o 9 de maio de 2011.

ASF-Galicia ten o seu domicilio social en Galicia, na Escola Técnica Superior de Arquitectura, Campus A Zapateira s/n, 15071 A Coruña e non se atopa nalgunha das situacións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.     ASF actúa con independencia de criterios políticos, relixiosos e económicos e está integrada por persoas que cren na defensa dos dereitos humanos para lograr un mundo máis xusto.

A estrutura organizativa de Arquitectos Sen Fronteiras ten un carácter descentralizado, con varias demarcacións territoriais de ámbito autonómico que comparten un mesmo plan estratéxico pero que estatutariamente dispoñen de autonomía a nivel de xestión e operacional, así como dunha organización interna autorregulada por textos propios (Asemblea xeral, Xunta Directiva, grupos de traballo) e recursos propios (voluntarios/as, equipo contratado, etc.).
Os grupos de traballo dos/as voluntarios/as son a ferramenta que ten a demarcación para levar a cabo as actividades que se contemplan nos diferentes proxectos, os cales son aprobados, revisados e avaliados pola Xunta Directiva da demarcación. Por outro lado, o equipo contratado vela pola xestión e coordinación de proxectos e apoia o traballo dos/as voluntarios/as. A estrutura interna da Demarcación de Galicia de ASF está baseada na democracia participativa e na transversalidade.
A Demarcación de Galicia de ASF conta actualmente cunha media de arredor de 20 voluntarios en activo e con 78 socios organizados en diferentes estruturas orgánicas de toma de decisións. O órgano directivo da Demarcación é a Xunta Directiva, escollida pola Asemblea xeral de socios da Demarcación.

No ano 2010 ASF-Galicia elabora un marco estratéxico de acción social (Cooperación Local), facendo unha aposta por ampliar a súa área de traballo no ámbito local co obxectivo de fomentar a inclusión social dos colectivos vulnerables en Galicia traballando a favor da satisfacción axeitada das súas necesidades fundamentais, a partir do cumprimento das condicións básicas de habitabilidade e da erradicación de pautas racistas e discriminatorias.

O grupo de cooperación local concretiza este traballo en intervencións contra as diferentes formas de exclusión social e marxinación que se derivan da carencia dun hábitat digno en Galicia. Estas intervencións forman parte do ámbito de actuación do sistema de dereitos sociais vixente en Galicia ao ter coma obxectivo: “prevenir e superar as causas que orixinen as necesidades sociais, dando a debida prioridade ás accións preventivas e ao enfoque comunitario das intervencións sociais” (Lei 13/2008 aprobada polo Parlamento de Galicia).

As intervencións de acción social articúlanse arredor dos seguintes obxectivos específicos:

-Diminuír a situación de exclusión e marxinación social nos asentamentos precarios mediante a sensibilización da cidadanía, a incidencia política cos poderes públicos e a mobilización social.
-Mellorar as condicións de habitabilidade da poboación obxectivo, traballando no diagnóstico de realidades complexas e o asesoramento técnico en materia urbanística, arquitectónica e construtiva, en colaboración con todos os actores sociais implicados.
-Fomentar a inclusión da poboación obxectivo a través da cohesión e o empoderamento social, a educación, a formación e o emprego.


Comentarios

Publicacións populares