O noso funcionamento durante a alarma por Coronavirus

Boas a todas,

Esperamos que ante todo o sucedido nos últimos días, vos atopedes ben, coidándovos e co mellor humor posible. Como xa sabedes, tocan tempos de quedar na casa, e na nosa cooperativa xa temos implementadas certas medidas de seguridade para poder desenvolver aquelas tarefas imprescindibles, posto que o noso traballo atende a demanda básica da recollida do refugallo dos contedores de aceite doméstico. Aquí vos explicamos polo miúdo  o protocolo de recollida:

- O traballo diario será realizado só por 4 traballadoras, 2 delas en ruta, efectuando o servizo de recollida e 2 nas nosas instalacións, encargadas das tarefas de baleirado e limpeza.

- O servizo de recollida farase, como é habitual, na nosa furgoneta. Nela irán só dúas traballadoras para poder manter en todo momento a distancia de seguridade de 1,5 m. En todo momento usarán luvas e mascarilla. Prestarase especial atención á limpeza das superficies que puidesen estar en contacto coas usuarias á hora de depositar os recipientes.

- O traballo de baleirado e limpeza será desenvolvido por 2 traballadoras ao día seguinte da recollida (mentras se realiza a ruta) para evitar a presenza de máis de 2 traballadoras en nave o maior tempo posible e manter a distancia mínima de seguridade de 1,5 m. Uso de luvas e mascarilla nos procesos de baleirado e limpeza.

- A limpeza dos contedores será ralizada con desengraxante e desinfectante como é habitual.

- Puntualmente poderán verse alterados os horarios de recollida habituais por mor da conciliación e
coordinación das traballadoras.

- Seguiremos realizando o servizo de recollida nos contedores instalados na vía pública dos concellos
de A Coruña, Arteixo e Cerceda.

- Puntos semipúblicos: Recolleremos, coa frecuencia habitual, nos supermercados do grupo Vegalsa-
Eroski da provincia da Coruña; Alcampo (A Coruña e Ferrol) e Centro Comercial Os Rosales. Tamén nos centros de ensino e AAVV que teñan o contedor fóra (xa que as instalacións estarán pechadas).

- Puntos privados: Mália estaren pechados a maioría de hoteis, restaurantes, bares e cafeterias seguiremos facendo a recollida naqueles que nolo demanden, por mor de limpezas xerais ou por
prestar, estes establecementos, o servizo de comida a domicilio.

Estaremos especialmente atentas ás demandas dos comedores e empresas de catering que están a
traballar pola nosa comunidade como é o caso da Cociña Económica, IBS Padre Rubinos, Fogar de
Sor Eusebia e Fogar de Santa Lucía.

Neste enlace podedes acceder ao documento no que figura esta información, por se vos fose de interese

Moitos ánimos a todas! Fagámonos eco das recomendacións para que podamos superar isto o antes
posible e o traballo das que están levando o peso da situación sexa máis levadeiro.

Unha forte aperta virtual de todo o equipo de Mulleres Colleiteiras

Comentarios

Publicacións populares