Somos entidade colaboradora na Uni Climática


A nosa cooperativa naceu dunha motivación diversa. Por un lado, queriamos poder ter unha alternativa de autoemprego para mellorar as nosas vidas. Por outro, queriamos aportar valía para a nosa sociedade, contribuíndo medioambientalmente á nosa cidade, A Coruña, coa xestión dun residuo, como é o aceite vexetal usado, que ata entón non estaba sendo reciclado.

A crise climática que enfrontamos débese a diversas causas derivadas da acción humana sobre o territorio, o aire, a auga... do planeta. Unha destas causas é o gasto enerxético do sector do transporte e da movilidade, grande consumidor de combustibles fósiles e polo tanto responsable das emisións de efecto invernadoiro sobre a atmósfera. 
Por outra banda, a nosa especie produce multitude de residuos que non valoriza, que non xestiona, e que polo tanto acaban tamén danando o medio ambiente. Contamínanse as aguas pola invasión de plásticos e microplásticos, vertedoiros descontrolados son puntos de importante conflitividade pola emanación de gases (como o metano) ante a acumulación de lixos non separados, que cun mellor proceso poderían ser materias para outras actividades humanas... Algo que podería modificarse dende a reducción inicial destes residuos, reconducindo as nosas formas de consumir, para que o volume de lixo a xestionar fose menor. 

A reciclaxe de aceite vexetal usado como biocombustible é xa unha realidade. Pretende ser unha resposta en favor da responsabilidade da nosa sociedade sobre a xestión dun residuo que de seres desbotado sen máis é un grande contaminador de solos e augas. Se somos conscientes de que pode ter unha segunda vida máis alá do consumo alimentario, podemos evitar outros consumos como o de combustibles fósiles, a través do aproveitamento do seu poder enerxético. Péchase así o círculo da vida do aceite, aquilo que as xeracións maiores chamaban aproveitar e reaproveitar, en lugar de usar e tirar. 

A nosa proposta é sinxela: queremos poder xestionar un residuo que ten valor, xerar con iso empregos que nos permitan empoderarnos e vivir en dignidade e transmitir a importancia do coidado polo noso planeta. 

E nisto, compartimos entendemento coa revista Climática.  A revista Climática é un proxecto do diario dixital lamarea.com. É o primeiro medio español especializado na crise climática. 

Climática promove un espazo de formación en liña sobre os problemas, causas e solucións da emerxencia climática que vivimos, a Uni Climática.  Nesta  edición de 2021, "Un Planeta en Movimiento", convertímonos en entidade colaboradora, e invitámosvos a achegarvos a este espazo de formación.  

Os contidos formativos vanse presentar nesta semana, entre o 5 e o 9  de xullo, pero aquelas persoas que vos apuntedes, teredes acceso libre por tempo ilimitado a todos eles.

E é que os nosos activismos ecoloxistas, dende a información e o coñecemento contrastado, son máis fortes, polo que aquí tedes unha ferramenta de aprendizaxe e conversa con outras persoas interesadas. 


Nós seguimos recollendo o voso aceite nos contedores das rúas! grazas pola vosa aportación e responsabilidade, e seguimos!


Comentarios

Publicacións populares