PREMISAS DO TRABALLO
Promover o emprego feminino
Trátase de fomentar o emprego feminino como medida de acción
positiva fronte a unha cultura e sociedade que prima o emprego masculino,
considerando as mulleres como principal motor do tecido comunitario e
doméstico así como do coidado e sustentabilidade dos seus fillos.
O diagnóstico comunitario e individualizado por unidades de
convivencia e os traballos de empoderamento realizados coa poboación dos asentamentos
chabolistas reflicten o rol básico e fundamental que asumen as mulleres nos
procesos de cambio, apostando por un futuro mellor para os seus fillos.
Polo tanto se plantexa a creación desta alternativa de autoemprego
para as mulleres con motivación polo cambio e pola mellora das súas condicións
de vida, fomentando as actitudes pro-activas de inserción social fronte ás
actitudes pasivas de continuidade da dependencia e da exclusión.
Promóvese a motivación polo cambio e a mellora social das
mulleres, priorizando a aquelas que teñan unha situación de maior
vulnerabilidade e avaliando do mesmo xeito as que xa dispoñan de certas
capacidades e
experiencia de traballo como as que se dispoñan a aprendelas,
amosando un afán de superación e de crecemento persoal.
Promover o ciclo completo, dende a recollida ata a reutilización, nun proceso local
e de baixo custe.
Trátase de promover un proceso local e de baixo custe fronte a
intervencións custosas e de maior impacto na contaminación medioambiental.
No desenvolvemento do
procesado do aceite diferéncianse varias etapas que nos permitirá ir asumindo pouco a pouco a intervención ata
abarcar o proceso total e pechar o ciclo de xestión do aceite nun proceso
local.
1. Recollida selectiva do aceite: combinando os sistemas de puntos
de recollida fixos: colectores de 240L distribuídos en lugares estratéxicos de
doado acceso e tránsito fluído; recollida porta domiciliar, recollida en
restaurantes, bares e grandes produtores.
2. Almacenamento do aceite á espera do seu tratamento:
Actualmente o aceite recollido almacénase nun depósito homologado
propio (tank de 1000 l. metálico con indicador de nivel) situado nun Punto
Limpo Municipal. Posteriormente, estudarase a posibilidade de procurar un local
de almacenamento de maior capacidade e de uso propio.
3- Tratamento do aceite para o seu uso posterior:
Neste período inicial a xestión e transformación é a cargo dun
xestor autorizado, Empresa de Reciclaxe de Fluídos e Sólidos (Reciflu), ubicada
en Narón.
O obxectivo a longo prazo da empresa será converterse en xestor
autorizado cuxo obxectivo final sexa a utilización directa do biocombustible
tras un proceso mínimo de transformación para permitir a súa utilización a
nivel local, evitando así un consumo innecesario de enerxía e crear un modelo
empresarial viable e eficiente.
Conseguir pechar o ciclo do aceite a nivel local por parte dun
colectivo de mulleres en exclusión social traballando conxuntamente coa
cidadanía e xestionando a súa transformación para utilizar o biocombustible
nas instalacións de calefacción ou piscinas da Universidade de A
Coruña ou dos equipamentos do Concello, aportaría un alto valor engadido á
proposta de emprego destacando o traballo en rede e a responsabilidade social
das nosas institucións ademais de aportar unha proposta eficiente na
reutilización do residuo fronte ao custe económico e medioambiental do seu
transporte e transformación fóra de Galicia.
Así, a partir dunha actividade de baixo custe se xeraría emprego
para man de obra desempregada local, se evitaría o consumo enerxético do
transporte da materia e ésta tería unha transformación mínima para un uso a
nivel local
Promover a inserción sociolaboral
Trátase de empregar o excedente de man de obra da poboación en
exclusión fronte a alternativas tecnolóxicas e custosas que substitúan o
traballo humano. E, deste xeito, mellorar as relacións sociais que favorezan a
inclusión social destas mulleres traballadoras.
Esta iniciativa pretende amosar o interese de persoas excluídas
socialmente de reintegrarse na sociedade e de participar activamente nela.
A experiencia compartida coas mulleres dos asentamentos de Pasaxe
e Rañas amosa que as medidas económicas de inserción social (como a RISGA)
lonxe de acadar o seu obxectivo de promover un itinerario de inserción se
converten en ferramentas que apuntalan e perpetúan a dependencia. Detéctase
unha carencia de ferramentas e de recursos humanos precisos para implementar,
acompañar e dar seguimento ao itinerario de inserción complementario á
tramitación da prestación social.
Esta proposta preséntase coma unha ferramenta real de inserción
social que nace do traballo cercano e directo coas mulleres dos poboados
chabolistas, do coñecemento das súas aspiracións e capacidades e da súa
implicación e motivación en levar adiante un proxecto real de inserción.
Comentarios
Publicar un comentario
Nos gusta saber qué piensas tú ¿te animas?